30 de outubro de 2007

NAMAIS


Este país é complexo tamén á hora de saudar. Fixádevos: moit@s galegofalantes explican a diglosia sen alardes técnicos ao dicir buenos días e mesmo buen día. Que se corrixe en parte a si mesma noutra versión sincopada: nos día Dios...

Saúdo alternativo, esta vez nacional, aboiando entre o desafío e a petición expresa de novidades, témolo no e lo´que?, claro precedente do Fran, que? da campaña esa Vivamos como galegos. E viviremos.

Pero moito máis complexos somos aínda na despedida. Volvemos á diglosia: adiós. Hai concordia normativa no universal e irredutible talogo. E un sentido do humor, certamente masculino (así o aseguran as estatísticas), no que che medre, que pode entenderse polo menos de dúas maneiras.

Con todo, a mellor despedida que coñezo corresponde ao galego mindoniense. A primeira vez que a oín cruzábanse dous vellos pola costa dos Remedios. Non intercambiaran previamente palabra ningunha. Só se dixeron, moi serios:

-Namais.

-Namais.


E así me despido eu. Porque non creo que isto dure, aínda que nunca se sabe.

Sem comentários: