30 de outubro de 2007

NAMAIS


Este país é complexo tamén á hora de saudar. Fixádevos: moit@s galegofalantes explican a diglosia sen alardes técnicos ao dicir buenos días e mesmo buen día. Que se corrixe en parte a si mesma noutra versión sincopada: nos día Dios...

Saúdo alternativo, esta vez nacional, aboiando entre o desafío e a petición expresa de novidades, témolo no e lo´que?, claro precedente do Fran, que? da campaña esa Vivamos como galegos. E viviremos.

Pero moito máis complexos somos aínda na despedida. Volvemos á diglosia: adiós. Hai concordia normativa no universal e irredutible talogo. E un sentido do humor, certamente masculino (así o aseguran as estatísticas), no que che medre, que pode entenderse polo menos de dúas maneiras.

Con todo, a mellor despedida que coñezo corresponde ao galego mindoniense. A primeira vez que a oín cruzábanse dous vellos pola costa dos Remedios. Non intercambiaran previamente palabra ningunha. Só se dixeron, moi serios:

-Namais.

-Namais.


E así me despido eu. Porque non creo que isto dure, aínda que nunca se sabe.

Momento Histórico



Xermán Viluba narra unha metáfora: a Caída do Imperio Pequeno. TeleVaral, novas no pedestal!! :) (Xa o dicía Manuel Antonio: vente ventiño do mar/ vente ventiño mareiro /vente ventiño do mar/ vente meu compañeiro.

E o embaixador do Vaticano en España, aterrorizado).

CONCURSO DE TRADUCIÓN

Hai expresións que parecen intraducibles. Non hai que traumatizarse, pasa en todas as linguas do mundo. Por exemplo árdelle o eixo, como se dirá en inglés? A semana pasada o problema fíxose carne: unha amiga tradutora, moi apurada, preguntoume como se podía dicir (desculpade a expresión) pelotillas del ojete. Duro oficio, a tradución.

Se coñecedes problemas similares entre galego-español, galego-inglés ou portugués-galego, non deixedes de indicalas nos comentarios. Se nos sae ben e publicamos dicionario, convido eu.